Premios

Todos os autores de traballos que se publiquen na páxina web do IV Congreso CLMNTK recibirán unha certificación de autoría e serán premiados cunha camiseta, un caderno, un bolígrafo, unha banda deseñada e unha novela do proxecto Climántica. Pero ademais un número máximo de oitenta e dous (82) autores serán premiados por traballos individuais ou en parellas con campamentos ambientais de verán, que se reparten por niveis educativos tal e como se indica abaixo. Un número máximo de cincuenta (50) poderán ser premiados cun itinerario ambiental por Galicia por traballos en grupos de 3 ou máis membros

Premios en campamentos ambientais de verán por niveis e etapas educativas (individuais ou máximo 2 estudantes)

Estes premios faranse públicos na web principal de Climántica o día 5 de xuño de 2011. Na valoración terase en conta tanto a votación dos usuarios da páxina web do congreso como a valoración outorgada por un xurado formado por educadores e que emitirán a súa cualificación fixándose nos seguintes criterios:

  1. Que exista unha relación clara co proxecto.
  2. Orixinalidade.
  3. Elaboración rigorosa.
  4. Capacidade de sensibilización.
  5. Grao de madurez na elaboración técnica.
  6. Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e a comprensión dos mesmos.

As votacións dos usuarios da web empezarán a contar dende o momento da publicación e as valoracións quedarán resoltas para cada traballo nun prazo máximo dunha semana despois da súa publicación. A plataforma informará daqueles traballos que reciban máis votos, que presentará como máis populares, e tamén dos máis valorados, a medida que se vaian tendo valoracións semanais do xurado.

  • Premio xeral de ESO, Bacharelato e Ciclos formativos a 40 alumnos. O premio consistirá nunha estancia de 5 días que inclúe todos os gastos dende a saída en autobús dende Santiago o día 22 de xuño ata o regreso á mesma cidade o 26 de xuño de 2011. A estancia e actividades desenvolveranse en equipamentos da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, que colaborará aportando gastos de estancia e manutención. A estancia seguirá a mesma metodoloxía da do curso anterior. Haberá por tanto un programa de actividades deseñado para estimular a convivencia, o traballo en equipo e a creatividade mediante actividades náuticas, de astronomía, orientación, pequenos proxectos de expresión artística en grupos de traballo, pequenas investigacións, xogos, actividades na natureza e veladas nocturnas. Das 40 prazas, 30 quedan reservadas para os estudantes de Galicia e as 10 restantes poderían chegar a ser ocupadas por estudantes doutros comunidades autónomas ou de Portugal, sempre e cando lle correspondera dentro da valoración xeral. En todo caso, os únicos desprazamentos que quedan cubertos para todos os premiados, nesta e nas demais modalidades, son os de ida e volta entre Santiago e o lugar do equipamento onde se desenvolverán os campamentos, que se dará a coñecer nesta web e mediante correo electrónico a todos os premiados. Ao rematar o campamento entregaráselle un diploma coas actividades de formación nas que participou e a súa duración.
  • Premio para estudantes de Primaria a 30 alumnos escolarizados en centros de Galicia. O premio consistirá nunha estancia de 4 días que inclúe todos os gastos dende a saída en autobús dende Santiago o día 27 de xuño ata o regreso á mesma cidade o 30 de xuño de 2011. A estancia e actividades desenvolveranse en equipamentos da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, que colaborará aportando gastos de estancia a manutención. Ao igual que o curso anterior, neste campamento infantil desenvolveranse obradoiros, xogos, pequenas obras de teatro, actividades na natureza. Ao rematar o campamento entregaráselle un diploma coas actividades de formación nas que participou e a súa duración.
  • Premio xeral para estudantes universitarios a 12 estudantes de grao ou posgrao. Neste caso quedan reservadas 8 prazas para estudantes galegos e poderían chegar a ocuparse por estudantes doutras comunidades autónomas e de Portugal un máximo de 4, sempre e cando lles correspondera dentro da valoración xeral. Estes estudantes serán premiados por achegas de contido á plataforma Wiklimántica. O xurado e os criterios son os mesmos que os das etapas non universitarias, e para a valoración teranse en conta tanto os proxectos creados, como o valor das interaccións con expertos, melloras doutros proxectos e incluso críticas positivas aportadas. Os gañadores terán que colaborar no deseño e aplicación de actividades formativas para os campamentos de Primaria ou para os de Secundaria, e outorgaranse as prazas tendo en conta a orde na que quedaron valorados e a súa elección do campamento de Primaria ou do de Secundaria. A participación no campamento como educadores en prácticas suporá unha certificación de 50 horas de formación.

Premios especiais a grupos de 3 ou máis persoas

  • Grupos de 3 a 30 alumnos que presenten obras de teatro, cancións, dramatizacións ou outro tipo de traballos en grupo, establécese como premio un itinerario educativo en Galicia que se celebrará o luns 20 de xuño de 2011. Outorgarase o premio do itinerario ambiental a un número máximo de 50 estudantes.